Feeds:
Artigos
Comentarios

I want to be free

Durante a despedida da promoción de 2º de Bacharelato do 2019 un grupo de alumnos do instituto, dirixidos polo seu profesor de Música David Vázquez interpretaron este enorme tema dos Queen para deleite do público asistente. Teñen un directo rotundo, proba de que o Rock corre polas súas veas; compróbao.

 

Para despedirmos a promoción de 2º de Bacharelato do 2019 tivemos a sorte de contar coa cantautora galega MJ Pérez. Máis abaixo tes unha breve mostra do seu concerto. Podes saber máis indagando no seu facebook. Se che gusta ler velaquí unha entrevista. E se non queres ler pero si saber máis sobre ela tes unha entrevista en youtube moi interesante. A entrevista ten un valor engadido porque lla fai un neofalante. Sempre é unha alegría recuperar ou gañar un galego-falante.

Velaquí o vídeo cun fragmento da súa actuación no instituto

Todos somos conscientes da importancia da educación e procuramos poñer medios materiais e humanos para que todo o mundo teña a oportunidade de acceder a ela.

Aspiramos ao máximo e sempre nos preocupa o fracaso escolar. Son moitos os expertos que traballan para evitalo e son moitas as razóns que o causan. Este vídeo explora algunhas como a falta de autoridade do profesorado, a sobreprotección paterna, as políticas educativas… Mírao e opina.

Moi importante, para poñerdes os subtítulos en galego tedes que premer na rodiña de configuración que aparecerá na esquina inferior dereita da pantalla onde se proxecta a curta. Dentro de subtítulos aparecerá a opción de galego por orde alfabética, despois premede esta vez en subtítulos.

Unha tradución máis. Non hai receita milagreiras para aprender unha lingua. É o empeño de moita xente e a todos ou a case todos nos supón un enorme esforzo. Nesta charla Lýdia Machová dános a súa opinión de como ter éxito.

A ver se hai sorte e seguindo os seus consellos moitos galegos aprenden por fin a falar o que para moitos deles é a lingua máis difícil do mundo: a galega.

Seguimos traducindo charlas interesantes de TED.COM coa intención de divulgalas e ampliar o material en galego para o seu uso nas aulas en distintas materias. Esta charla ten uso en Economía, Antropoloxía e Bioloxía como mínimo. Un grupo de xente mellora a súa situación económica poñendo en valor unha pranta silvestre.

 

A nosa preferencia é subtitular aquelas charlas de Ted.com máis interesantes e moi particularmente todas aquelas que teñen que ver directa ou indirectamente coa linguaxe. É marabilloso cando estudas outra lingua que non é a túa descubrir ocmo hai palabras para describir estados de ánimo ou sensacións para as que non existen equivalentes na túa lingua materna e viceversa. Descubrimos así que como sociedade pasamos por alto unhas cousas e valoramos outras.

Están xa operativos subtítulos en galego para esta interesante charla en ted.com. Volvemos outra vez ao traballo despois dunha longa pausa.

Máis da metade da poboación mundial xa vive en cidades e outros 2.500 millóns de persoas pretenden facelo ata o 2050. A forma en que construamos as novas cidades será clave para afrontar o cambio climático, a necesaria vitalidade económica para o noso benestar e obter unha sensación de conexión entre os habitantes. Peter Calthorpe xa está traballando en planificar as cidades do futuro, propoñendo un deseño comunitario centrado na interacción humana. Comparte connosco sete principios universais para resolvermos a expansión e construírmos cidades máis intelixentes e máis sostibles.

Ola, despois de moito tempo desaparecidos e moi conscientes de que vos temos abandonados, recuperamos a actividade coa tradución dunha das curtas de animación máis impactantes de youtube. Modestamente cremos que así poderemos recuperar o voso respecto e afecto.

A curta titúlase The Present e o seu autor é Jacob Frey Na anterior ligazón tedes información sobre a súa vida e o seu traballo e se a alguén lle interesa saber como se fai unha curta de animación ou chegar a intentar facer unha, preme aquí e atoparás titoriais para logralo. Só terás que descargar Blender que é gratuíto.

Moi importante, para poñerdes os subtítulos en galego tedes que premer na rodiña de configuración que aparecerá na esquina inferior dereita da pantalla onde se proxecta a curta e volver a premer esta vez en subtítulos. Dentro de subtítulos aparecerá a opción de galego por orde alfabética.

 

Desde o ano 2011 existe Xardín Desordenado, un grupo de cinco músicos comprometidos en divulgar, coa axuda da música, a poesía en galego. Teñen tres cd no mercado: un con composicións de poetas, outro de poetisas e, recentemente, publicaron un cd con música sobre textos de Carlos Casares: o autor homenaxeado este ano coas Letras Galegas.

Se escoitamos con atención a súa música podemos entender quizais a razón do seu nome: Xardín Desordenado. Un nome moi evocador: “Xardín”, quizais porque a súa música é pracenteira como pasearmos por un xardín mais a sensación que transmite a súa música non é de desorde. En absoluto é desordenada. Un xardín desordenado suxire abandono, despreocupación, incluso no peor dos casos: caos, porén cada canción composta por Santiago Ferragud é un exemplo de orde e harmonía. Non hai nada excesivo, esaxerado nin menos aínda hai sensación de insuficiencia. Escoitando con atención os seus cd a palabra desordenado evoca a variedade de estilos que utilizan para intensificar a emoción que transmiten as letras das súas cancións. En Xardín Desordenado hai flores que soan a blues, jazz, bossa nova, tango, fado. Xardín Desordenado é un Xardín Botánico.

Con todos vostedes Xardín Desordenado…

Este foi o texto de presentación do grupo antes do seu concerto no instituto. Pouco que engadir, só que estiveron moi ben e están nas lista dos que sempre que poidamos contar con eles volverán. Un luxo que desde aquí recomendamos a todos.

Compartimos dúas cancións. A primeira nun país normalizado sería unha canción en boca de miles de adolescentes. A min tráeme a memoria éxitos de Grease mais o autor di que lle trae á memoria o son do mellor Dúo Dinámico. Sexa unha cousa ou outra é unha canción fresca, divertida e optimista.

Agora un himno. Sobre un texto de Casares, Xardín Desordenado compuxo este arenga para que ollemos o futuro con esperanza. Outra xoia máis para a Historia da Música en galego.

Foi espontáneo. Xente interesada propuxo isto e recibida a súa petición de aloxala neste plataforma, como bos anfitrións, cedimos un sitio.