Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for Marzo 2013

Tivemos a oportunidade de escoitar unha interesantísima charla impartida por representantes da Plataforma para salvar a Serra do Galiñeiro. Conscientes da escasa repercusión que a defensa do noso patrimonio ten nos medios de comunicación habituais decidimos gravar a charla e compartila desde esta modesta canle de expresión. Somos conscientes tamén da sempre difícil harmonización entre o progreso socio-económico e a conservación do noso medio ambiente. Os nosos invitados denunciaron a intención de abrir unha mina a ceo aberto nun lugar entre a Universidade de Vigo e o Monte Aloia para a extracción de minerais chamados eufemisticamente “raros”. Desde aquí non valoraremos cousas como qué gañamos e qué perdemos se consentimos a súa instalación; non reflexionaremos sobre quen obterá beneficio en todo isto; tampouco sopesaremos se é intelixente destruír un riquísimo patrimonio e un significativo número de empregos sostíbeis a cambio de permitir que un grupo de accionistas privados se adonen do que é de todos levando esa riqueza, agora aínda nosa, fóra de aquí. Son tempos moi difíciles para dicirmos non á oferta de crear postos de traballo; ese é desgraciadamente o mellor argumento que empresas coma estas teñen hoxe para conseguir o consentimento da sociedade. Os países ricos non queren as empresas contaminantes dentro das súas fronteiras pero as súas industrias necesitan esas materias primas que conseguen alí onde a sensibilidade e resistencia social é menor.

Deixamos ao noso intelixente público a derradeira decisión. Velaí vai a charla na súa integridade e unha entrevista posterior mantida co equipo de edición de vídeo IesBeade. Por un problema técnico a entrevista en vídeo non está completa pero si o audio, por iso subimos tamén o arquivo sonoro porque xulgamos que a información aportada é moi relevante.

Incluímos o power point para seguir a charla con maior información.

minaría terras raras no Galiñeiro

Agora poñemos a entrevista. É moi longa e a súa maior parte está incluída no vídeo anterior. Só son relevantes os primeiros 5 ou dez minutos que non aparecen no anterior.

Read Full Post »