Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘lingua galega’ Category

Desde o ano 2011 existe Xardín Desordenado, un grupo de cinco músicos comprometidos en divulgar, coa axuda da música, a poesía en galego. Teñen tres cd no mercado: un con composicións de poetas, outro de poetisas e, recentemente, publicaron un cd con música sobre textos de Carlos Casares: o autor homenaxeado este ano coas Letras Galegas.

Se escoitamos con atención a súa música podemos entender quizais a razón do seu nome: Xardín Desordenado. Un nome moi evocador: “Xardín”, quizais porque a súa música é pracenteira como pasearmos por un xardín mais a sensación que transmite a súa música non é de desorde. En absoluto é desordenada. Un xardín desordenado suxire abandono, despreocupación, incluso no peor dos casos: caos, porén cada canción composta por Santiago Ferragud é un exemplo de orde e harmonía. Non hai nada excesivo, esaxerado nin menos aínda hai sensación de insuficiencia. Escoitando con atención os seus cd a palabra desordenado evoca a variedade de estilos que utilizan para intensificar a emoción que transmiten as letras das súas cancións. En Xardín Desordenado hai flores que soan a blues, jazz, bossa nova, tango, fado. Xardín Desordenado é un Xardín Botánico.

Con todos vostedes Xardín Desordenado…

Este foi o texto de presentación do grupo antes do seu concerto no instituto. Pouco que engadir, só que estiveron moi ben e están nas lista dos que sempre que poidamos contar con eles volverán. Un luxo que desde aquí recomendamos a todos.

Compartimos dúas cancións. A primeira nun país normalizado sería unha canción en boca de miles de adolescentes. A min tráeme a memoria éxitos de Grease mais o autor di que lle trae á memoria o son do mellor Dúo Dinámico. Sexa unha cousa ou outra é unha canción fresca, divertida e optimista.

Agora un himno. Sobre un texto de Casares, Xardín Desordenado compuxo este arenga para que ollemos o futuro con esperanza. Outra xoia máis para a Historia da Música en galego.

Read Full Post »

Coa intención de captar a atención do público durante a presentación da revista deste ano decidimos facer unha campaña de publicidade e aproveitarmos as capacidades plegadoras de tres voluntarios. Nas imaxes falta Iván Lobariñas que se nos puxo maliño e non puido participar a última hora. O vídeo deu algunha lata para a súa edición a cámara rápida pero non importa porque o resultado é algo cómico. Sabemos onde nos equivocamos e deixámolo estar porque non aspirarmos á perfección. Grazas a Andrés Vázquez pola súa axuda. Sen el probabelmente Yoda tería unha orella máis longa ca a outra.

Read Full Post »

Este vídeo foi feito, creo que no ano 2002, por un grupo de alumnas e un alumno do Ies de Beade. Aproveitamos unha serie de anuncios da tele para ilustrar os clichés tradicionais que sobre a muller veñen habendo e tamén a emerxencia dunha visión máis adaptada a, como mínimo, o que entendemos hoxe por politicamente correcto.
A primeira metade é unha exposición sobre o nacemento do feminismo, a muller en Galicia e tres breves entrevistas a unha avoa, nai e filla. A segunda metade está centrada na análise do uso da muller na publicidade.
Esperamos que vos sexa de proveito. Xa ten uns anos pero sabemos que foi utilizado en máis dunha ocasión ante un público feminino e tamén feminista cunha boa recepción.

Read Full Post »

Os Departamentos de Lingua inglesa e Galega en colaboración coa Biblioteca do Ies de Beade organizamos a visita e actuación de Tim Bowley. É a segunda vez que nos visita e, xa que algo de confianza gañamos, aceptou concedernos un pouco do seu tempo para responder a unhas preguntas. Tim leva moitos anos recollendo historias sabias de todo o mundo e compartíndoas con todos os que o queiramos escoitar. Estivo vivindo un tempo en Galicia, agora de volta en Inglaterra  segue visitándonos de cando en vez e xunto con Charo Pita percorren o país contando en galego e inglés as súas historias.

Non hai moito material sobre Tim en internet. Está a súa páxina web e moi pouca mostra do seu traballo  en vídeo porque prefire como é lóxico o contacto directo co público. Por esta razón pareceunos moi interesante subir, co seu permiso, esta entrevista e un orgullo para nós facer de intermediarios.

Read Full Post »

Celso Sanmartín é transmisor de historias. Dise que do seu contacto con moita xente maior logrou atesourar ducias de pequenas experiencias vitais. Grazas ás súas dotes de comunicación esas historias non fican presas nun libro senón que reviven cada vez que as conta. Só, como é o noso costume, compartimos un fragmento da súa actuación. Non queremos abusar da súa xenerosidade. Sabemos que despois de escoitar esta historia haberá fame de máis.

Read Full Post »

Co gallo do 25º aniversario levamos xa un tempo invitando a ex-alumnos para que nos conten a súa experiencia vital e profesional. Aproveitamos a visita de Aíd (para nós Aida Alonso) para lle facer unha entrevista. Dela podes saber moito máis visitando a súa web oficial. Nela atoparás a súa biografía, discografía e unha escolma de vídeos. Varias aulas de 4º da ESO participaron nun obradoiro de Rap e Hip Hop impartido por Aíd.
A entrevista foi gravada durante un recreo e cremos que resulta moi evidente. Pedimos desculpas polo desagradábel ruído de fondo.

 

Read Full Post »

Ledicia Costas, escritora e antiga alumna do Ies Beade, logo de responder as preguntas dos seus lectores gravou para a nosa tele unha breve entrevista onde fala da recepción da súa obra, da literatura xuvenil, a súa tradución desde o galego e o seu éxito comercial. Grazas desde aquí a Gálix (Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil) pola súa colaboración e a facer posíbel as visitas de Ledicia Costas e Anxo Fariña.

Read Full Post »

Older Posts »