Feeds:
Artigos
Comentarios

Compartimos imaxes de varios dos proxectos presentados este ano. Non están todos. Deixamos fóra por fatal despiste os traballos do Obradoiro de Reciclaxe e o expositor de Xogos Cooperativos. Na web do centro hai fotos para os máis curiosos. Este ano tivemos a visita de moitos pais e todos ficaron con moitas arelas de para o ano que vén moito máis e mellor porque para nosoutros si é posíbel.

Plegamos o Yoda

Coa intención de captar a atención do público durante a presentación da revista deste ano decidimos facer unha campaña de publicidade e aproveitarmos as capacidades plegadoras de tres voluntarios. Nas imaxes falta Iván Lobariñas que se nos puxo maliño e non puido participar a última hora. O vídeo deu algunha lata para a súa edición a cámara rápida pero non importa porque o resultado é algo cómico. Sabemos onde nos equivocamos e deixámolo estar porque non aspirarmos á perfección. Grazas a Andrés Vázquez pola súa axuda. Sen el probabelmente Yoda tería unha orella máis longa ca a outra.

Despois de moito tempo volvemos a publicar unha tradución en Ted.com. Ultimamente desde aquí andamos sen tempo e parece que a comunidade de tradutores é tan xigantesca que os administradores de Ted.com teñen cada vez máis dificultades para aprobar as traducións. Pasaron moitos meses mais cremos que compensou a espera porque esta disertación é interesantísima e nos descobre que os animais teñen máis sentidiño do que pensabamos.
Animamos desde aquí a que quen nos lea se anime a participar na comunidade de tradutores en galego. Paga a pena facer comprensíbeis estas conferencias e son un material moi valioso para as aulas.

Despois de moitos meses apagados recuperamos a actividade de tradución de disertacións na http://www.ted.com. Esta vez, e non é a primeira, escollemos o relatorio dun científico que traballa para vencer o cancro. Agora sabemos que a combinación entre a informática, en concreto a programación, e a microbioloxía pode chegar a ser un medio moi rápido para detectar e se cadra destruír os tumores.

Levaba este documental moitos anos gardado e agora que estamos a argallar un proxecto moi ligado con este traballo, feito xa hai máis de 10 anos, decidimos compartilo. Está feito cun micrófono moi cativo e unha cámara moi sinxela. Esperamos que sexa do voso interese non pola calidade das imaxes senón polo seu contido didáctico. Cremos que o ten. O triste é que todas esas mámoas e petrogrifos seguen sen ser postos en valor.

Logo de algún tempo subimos por fin o concerto. Está practicamente íntegro. Respectamos a vontade dos músicos e só compartimos un fragmento da obra máis longa: marimba espiritual. A demora en subirmos os vídeos débese á espera do permiso dos músicos e que chegou o verán e non todo saiu como pensabamos. En fin xa todo está arranxado e todos podemos outra vez gozar do concerto.
Moitas grazas aos músicos: Naira Pérez, Agustín Rodríguez de Guzman, Jesús Álvarez, Fernando Vidal e ao seu profesor: Carlos Castro por aceptaren a nosa invitación. Un luxo que nos enorgullece ciber-compartir.

O primeiro é a obra de percusión “5 Historias”:

O segundo é a súa versión de Good cup, Bad cup:

O tercerio é o fragmento de “Marimba Spiritual”. (puro espectáculo)

Por último moita alegría. Unha Batucada para nós:

Velaquí unha mostra dos traballos feitos ao longo de diferentes cursos. Unha parte importante está feita coa colaboración do Departamento de Plástica do Instituto baixo o tema da Música no Cine. E como a cousa vai de música o equipo responsábel do Obradoiro de Edición de Vídeo sentiuse obrigado a poñer un fondo sonoro. Milladoiro ten feitas importantes composicións para bandas sonoras, Muxicas ou Berrogüetto pero todos estes son grupos xa moi coñecidos e recoñecidos, aínda que estes dous últimos xa non están xuntos. Houbo unha unanimidade en que, xa que este blog cada vez ten máis seguidores e repercusión, estaría ben utilizar esta oportunidade para promocionarmos unha banda moi pouco coñecida pero fundamental na Historia do Rock Galego: Zënzar.

Non se senten cómodos clasificados dentro do Rock Bravú porque xa existían antes. Din que facían Rock Pelouro. Escollemos este tema “caneando ruainas” pola súa calidade e orixinalidade. Está cantado en barallete: unha das moitas xirias secretas que existiron no país. Aquí tedes a letra e unha tradución aproximada. Nos esquezades que aínda que existen dicionarios segue a ser unha xiria secreta e son moi poucos os coñecedores dos seus misterios.

Velaquí só unha pequena mostra dos proxectos feitos ao longo do curso polo alumnado de Tecnoloxía do Ies de Beade.

Desde hai anos Lego revolucionou o mundo do xoguete. Este robot é capaz, se o sabes programar, de facer cousas incríbeis. Temos xa aberto neste blog outra experiencia fascinante no instituto que podes visitar aquí Non esquezas entreterte navegando polas ligazóns do texto. Se xa os coñeces por que non ves este e valoras o interese que ten este robot para nada de xoguete? Clica aquí.

Grazas a que entre nós temos a un experto xogador de xadrez puidemos organizar durante todo o curso clases de xadrez. Celebramos o éxito desta actividade cunha multipartide entre algún dos asistentes aos cursos e o seu profesor Hugo Riveiro.