Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘laboratorios’ Category

Despois de moito tempo volvemos a publicar unha tradución en Ted.com. Ultimamente desde aquí andamos sen tempo e parece que a comunidade de tradutores é tan xigantesca que os administradores de Ted.com teñen cada vez máis dificultades para aprobar as traducións. Pasaron moitos meses mais cremos que compensou a espera porque esta disertación é interesantísima e nos descobre que os animais teñen máis sentidiño do que pensabamos.
Animamos desde aquí a que quen nos lea se anime a participar na comunidade de tradutores en galego. Paga a pena facer comprensíbeis estas conferencias e son un material moi valioso para as aulas.

Advertisements

Read Full Post »

Despois de moitos meses apagados recuperamos a actividade de tradución de disertacións na http://www.ted.com. Esta vez, e non é a primeira, escollemos o relatorio dun científico que traballa para vencer o cancro. Agora sabemos que a combinación entre a informática, en concreto a programación, e a microbioloxía pode chegar a ser un medio moi rápido para detectar e se cadra destruír os tumores.

Read Full Post »

Revisamos a primeira tradución desta charla en Ted. Poucas palabras podemos engadir a unhas imaxes espectaculares sobre o crecemento do feto.

Se queres ver máis charlas no noso idioma en Ted tes máis abaixo un pase VIP:

http://www.ted.com/talks/browse?language=gl

Read Full Post »

Velaquí a nosa máis recente contribución á normalización do idioma a través da nosa participación como tradutores dunha das webs máis valiosas da internet (www.ted.com). Desta vez somos os responsábeis da segunda tradución. Así de estrita é a política dos creadores deta prezada plataforma para compartirmos o coñecemento. Aínda así acabo de descubrir un pequeno erro. Seguiremos mellorando. Por agora velaquí as últimas teorías sobre a evolución e funcionamento do cerebro humano durante a nenez.

Read Full Post »

Tivemos a oportunidade de escoitar unha interesantísima charla impartida por representantes da Plataforma para salvar a Serra do Galiñeiro. Conscientes da escasa repercusión que a defensa do noso patrimonio ten nos medios de comunicación habituais decidimos gravar a charla e compartila desde esta modesta canle de expresión. Somos conscientes tamén da sempre difícil harmonización entre o progreso socio-económico e a conservación do noso medio ambiente. Os nosos invitados denunciaron a intención de abrir unha mina a ceo aberto nun lugar entre a Universidade de Vigo e o Monte Aloia para a extracción de minerais chamados eufemisticamente “raros”. Desde aquí non valoraremos cousas como qué gañamos e qué perdemos se consentimos a súa instalación; non reflexionaremos sobre quen obterá beneficio en todo isto; tampouco sopesaremos se é intelixente destruír un riquísimo patrimonio e un significativo número de empregos sostíbeis a cambio de permitir que un grupo de accionistas privados se adonen do que é de todos levando esa riqueza, agora aínda nosa, fóra de aquí. Son tempos moi difíciles para dicirmos non á oferta de crear postos de traballo; ese é desgraciadamente o mellor argumento que empresas coma estas teñen hoxe para conseguir o consentimento da sociedade. Os países ricos non queren as empresas contaminantes dentro das súas fronteiras pero as súas industrias necesitan esas materias primas que conseguen alí onde a sensibilidade e resistencia social é menor.

Deixamos ao noso intelixente público a derradeira decisión. Velaí vai a charla na súa integridade e unha entrevista posterior mantida co equipo de edición de vídeo IesBeade. Por un problema técnico a entrevista en vídeo non está completa pero si o audio, por iso subimos tamén o arquivo sonoro porque xulgamos que a información aportada é moi relevante.

Incluímos o power point para seguir a charla con maior información.

minaría terras raras no Galiñeiro

Agora poñemos a entrevista. É moi longa e a súa maior parte está incluída no vídeo anterior. Só son relevantes os primeiros 5 ou dez minutos que non aparecen no anterior.

Read Full Post »

Para a aqueles que estean interesados en colaborar con ted.com debedes saber que podemos aportar como tradutores voluntarios de dous xeitos moi distintos. Podemos traducir directamente da lingua orixinal, maioritariamente, o inglés ou revisar a tradución feita por un primeiro voluntario. Neste caso a TV do ies Beade fixo a revisión da tradución feita do inglés ao galego por Eulalia Baroja. Escollimos facer este traballo porque nos pareceu moi interesante o exemplo que este investigador deu ao compartir o seu descubrimento co resto da comunidade científica. Non intentou vender o seu achado a ningunha farmacéutica senón que de xeito xeneroso e profundamente ético enviou por correo a súa información e recibiu a resposta de moitos científicos que aportaron moitísimo para perfeccionar o medicamento. Internet é unha ferramente potentísima se sabemos utilizala para o ben colectivo.

Read Full Post »

O transporte de mercancías é unha das principais causas de introdución de especies foráneas en ecosistemas alleos que se ven radicalmente alterados pola súa aparición, reprodución e competencia coas especies autóctonas. Neste completo artigo da wikipedia en galego podes atopar moita información sobre as especies invasoras e máis en concreto sobre a protagonista do vídeo que compartimos: a vespa velutina nigritorax, unha vespa orixinaria de China que está diminuíndo as colmeas de abellas de Francia e de toda a cornixa cantábrica. Agora xa está aquí en Vigo. A finais do verán tamén a vin na parroquia de Padróns en Ponteareas. Parece que os avistamentos desta vespa empezaron o ano pasado, como testemuña esta noticia na prensa

Read Full Post »

Older Posts »