Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for Maio 2017

Desde o ano 2011 existe Xardín Desordenado, un grupo de cinco músicos comprometidos en divulgar, coa axuda da música, a poesía en galego. Teñen tres cd no mercado: un con composicións de poetas, outro de poetisas e, recentemente, publicaron un cd con música sobre textos de Carlos Casares: o autor homenaxeado este ano coas Letras Galegas.

Se escoitamos con atención a súa música podemos entender quizais a razón do seu nome: Xardín Desordenado. Un nome moi evocador: “Xardín”, quizais porque a súa música é pracenteira como pasearmos por un xardín mais a sensación que transmite a súa música non é de desorde. En absoluto é desordenada. Un xardín desordenado suxire abandono, despreocupación, incluso no peor dos casos: caos, porén cada canción composta por Santiago Ferragud é un exemplo de orde e harmonía. Non hai nada excesivo, esaxerado nin menos aínda hai sensación de insuficiencia. Escoitando con atención os seus cd a palabra desordenado evoca a variedade de estilos que utilizan para intensificar a emoción que transmiten as letras das súas cancións. En Xardín Desordenado hai flores que soan a blues, jazz, bossa nova, tango, fado. Xardín Desordenado é un Xardín Botánico.

Con todos vostedes Xardín Desordenado…

Este foi o texto de presentación do grupo antes do seu concerto no instituto. Pouco que engadir, só que estiveron moi ben e están nas lista dos que sempre que poidamos contar con eles volverán. Un luxo que desde aquí recomendamos a todos.

Compartimos dúas cancións. A primeira nun país normalizado sería unha canción en boca de miles de adolescentes. A min tráeme a memoria éxitos de Grease mais o autor di que lle trae á memoria o son do mellor Dúo Dinámico. Sexa unha cousa ou outra é unha canción fresca, divertida e optimista.

Agora un himno. Sobre un texto de Casares, Xardín Desordenado compuxo este arenga para que ollemos o futuro con esperanza. Outra xoia máis para a Historia da Música en galego.

Advertisements

Read Full Post »