Feeds:
Artigos
Comentarios

Hai tempo que non publicamos. Moitos compromisos e pouco tempo. Seguimos vivos e con ganas de seguir compartindo. Unha boa proba é esta pequena escolla dos moitos experimentos e traballos feitos ao longo do ano polo Club de Ciencias do Ies de Beade. O son non é moi bo porque era tanto o público e tanta a curiosidade que non foi posíbel conseguir o silencio necesario. Aínda así cremos que o resultado é moi aceptábel.

Unha mostra de como se utilizan os colorantes en alimentación

Un pouco de xabón

Proceso para a extracción do ADN dunha sandía

Podemos ter unha farmacia no balcón do noso piso.

O microtomo, ferramenta imprescindíbel para a observación co microscopio

Este vídeo foi feito, creo que no ano 2002, por un grupo de alumnas e un alumno do Ies de Beade. Aproveitamos unha serie de anuncios da tele para ilustrar os clichés tradicionais que sobre a muller veñen habendo e tamén a emerxencia dunha visión máis adaptada a, como mínimo, o que entendemos hoxe por politicamente correcto.
A primeira metade é unha exposición sobre o nacemento do feminismo, a muller en Galicia e tres breves entrevistas a unha avoa, nai e filla. A segunda metade está centrada na análise do uso da muller na publicidade.
Esperamos que vos sexa de proveito. Xa ten uns anos pero sabemos que foi utilizado en máis dunha ocasión ante un público feminino e tamén feminista cunha boa recepción.

Os Departamentos de Lingua inglesa e Galega en colaboración coa Biblioteca do Ies de Beade organizamos a visita e actuación de Tim Bowley. É a segunda vez que nos visita e, xa que algo de confianza gañamos, aceptou concedernos un pouco do seu tempo para responder a unhas preguntas. Tim leva moitos anos recollendo historias sabias de todo o mundo e compartíndoas con todos os que o queiramos escoitar. Estivo vivindo un tempo en Galicia, agora de volta en Inglaterra  segue visitándonos de cando en vez e xunto con Charo Pita percorren o país contando en galego e inglés as súas historias.

Non hai moito material sobre Tim en internet. Está a súa páxina web e moi pouca mostra do seu traballo  en vídeo porque prefire como é lóxico o contacto directo co público. Por esta razón pareceunos moi interesante subir, co seu permiso, esta entrevista e un orgullo para nós facer de intermediarios.

Celso Sanmartín é transmisor de historias. Dise que do seu contacto con moita xente maior logrou atesourar ducias de pequenas experiencias vitais. Grazas ás súas dotes de comunicación esas historias non fican presas nun libro senón que reviven cada vez que as conta. Só, como é o noso costume, compartimos un fragmento da súa actuación. Non queremos abusar da súa xenerosidade. Sabemos que despois de escoitar esta historia haberá fame de máis.

Alfonso Davila foi alumno do noso instituto. Sempre xeneroso non puxo dificultades para acudir á celebración do aniversario. Durante o seu derradeiro ano no centro a piques estivemos de velo compartir escenario con Sonia Lebedynski. Non puido ser porque a cantante tivo a última hora un compromiso e tivemos que suspender o acto. Esta vez falamos con Jaime Vilas para un dúo e velaquí tedes o resultado.

Alfonso logo de acabar os seus estudo no noso instituto logrou ser o primeiro invidente Técnico de Son de toda Europa

O departamento de Matemáticas animou o alumnado de 3º da Eso a contruír un triángulo de Sierpinski con latas de refresco. Bonito xeito de lle dar unha vida útil e intelixente ao lixo. Ao longo do proceso o noso vídeo artista Luís D. foi fotografando o proceso para ao final facermos a montaxe que vos amosamos. Debemos engadir que nos pareceu unha boa idea utilizar como banda sonora unha peza de música fractal. De sempre, xa desde tempos de Pitágoras as grandes mentes viron na música unha especial relación coas matemáticas o que levou a moitos pensadores algo máis místicos a considerar a música como a arte máis perfecta xa que na súa natureza demostraba conter a perfección das matemáticas.

Para os máis curiosos deixamos o froito dalgunha mente marabillosa coma esta que para se lembrar de toda a sucesión de decimais do número Pi compuxo unha melodía en que cada nota se corresponde con cada un dos decimais presentes na cadea. Se sabedes de teoría musical e armonía velaquí tedes outro vídeo sobre a relación entra a música e a sucesión de Fibonacci

Este é un corte do concerto que Sonia Lebedynski deu no Ies de Beade de Vigo para celebrarmos o noso 25º aniversario e a despedida dunha promoción de 2º de Bacharelato moi especial. Podemos ver a Sonia interpretando unha versión da famosa canción composta por Emilio Batallán sobre letra de Curros Enríquez e que leva por título A Rosalía. Coa guitarra acompáñaa Gabriel Ribeiro, profesor de guitarra na Escola de Música de Boiro e integrante da banda SuperSandwich.

Sonia Lebedynski tivo o seu primeiro contacto coa música aos sete anos cando inicia os seus estudios musicais de canto. No ámbito artístico desenvólvese dende os seus comezos na música Folk, tendo algún contacto tamén con outras músicas como o funky ou clásica. Ten colaborado en numerosos proxectos como Son Delas, Ball Cans, Sete Saias, Asociación Cultural Barbantía, Conservatorio Tradicional e Folque de Lalín e grabado para diversos discos como Fia na Roca, Susana Seivane, Camaxe, Seare, Asociación Galega de Gaiteiros Galegos (Pelogato24), Brañas Folk ou o último disco do pianista Enrique Paisal (Los Tamara) onde colabora en dous temas… Participou no filme do grupo canadiense “La Bottine Souriante” sobre a súa xira europea con motivo do seu 25 aniversario para o cal interpreta a dúo un tema co cantante solista da “Bottine” Yves Lambert. Formaba parte do grupo Fia na Roca co que grabou tres discos. Agora está a preparar a súa obra en solitario. No ámbito docente actualmente é Mestra en Educación Musical e pedagoga, imparte clases de música na ensinanza primaria, e Música para adultos na Escola de Música Municipal de Boiro. Ademáis imparte cursos de canto por diversos puntos da xeografía galega.

Co gallo do noso 25º aniversario logramos contactar con Sonia Lebedynski para que celebrase connosco a despedida dunha promoción especial. Este ano despedimos unha xeración de alumnado máis despois de vintecinco anos. A ocasión merecía contar coa colaboración dunha artista de calidade e proxección internacional e non desaproveitamos a oportunidade para facer a Sonia unha entrevista porque somos moitos os seguidores de Fía na Roca e poucas as oportunidades de sabermos polos seus intregrantes das peripecias do grupo. Moi amabelmente Sonia respondeu a algunhas preguntas. Seguro que para moitos insuficientes mais estou seguro xa haberá outras ocasións en que poidamos falar con ela un pouquiño máis. Non renunciamos a que nos devolva a visita porque nos soubo moi a pouco. Se queredes saber do que falamos aquí tedes un anaco do concerto que nos regalou. Inmenso.

Durante unha clase de Tecnoloxía un grupo de alumnas: Sofía Abalo, Tamara Alfaya, Carla Alonso e Patricia Leirós puxeron en práctica os coñecementos aprendidos. O proxecto consiste en iluminar unha pequena maqueta coa axuda dun panel solar. É costume que non aparezan as caras do noso alumnado nas reportaxes. Pode resultar raro mais preferímolo así. Parabéns.

Entrevistamos a Aíd

Co gallo do 25º aniversario levamos xa un tempo invitando a ex-alumnos para que nos conten a súa experiencia vital e profesional. Aproveitamos a visita de Aíd (para nós Aida Alonso) para lle facer unha entrevista. Dela podes saber moito máis visitando a súa web oficial. Nela atoparás a súa biografía, discografía e unha escolma de vídeos. Varias aulas de 4º da ESO participaron nun obradoiro de Rap e Hip Hop impartido por Aíd.
A entrevista foi gravada durante un recreo e cremos que resulta moi evidente. Pedimos desculpas polo desagradábel ruído de fondo.