Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘música’ Category

Outro ano máis tivemos a honra de recibir a un dos músicos vigueses máis internacionais. Foi cofundador de Mattocongrio e é membro dos hoxe Berrogüetto, compositor, arranxador de temas tradicionais e multiinstrumentista. Velaquí tedes unha mostra dos temas que interpretou. Un, o último, por expreso desexo do autor non o incluímos e adiviñamos que a razón pode ser que pense incluído nun próximo disco. A verdade é que o tema o merece. Sentímolo moito pero só somos uns poucos, por agora, os que gozamos del.

Un saúdo. Longa vida á música galega porque mentras ela viva temos algo do que nos sentir plenamente orgullosos.

Read Full Post »

Comeza un novo curso e inauguramos unha nova temporada da nosa TV. Estivemos esperando desde finais do curso pasado que os moi atarefados administradores de www.ted.com nos aprobasen esta nova tradución. Robert Gupta, virtuoso do violín, conta con paixón a capacidade que a música ten de paliar os efectos da esquizofrenia. O poñente comparte a súa experiencia vital tras coñecer a Nathaniel Anthony Ayers unha promesa frustrada do violín a causa dunha profunda esquizofrenia. A historia deste home é tan conmovedora que inspirou a realización dunha película  estreada no ano 2009

Read Full Post »

Atrevémonos con todo. O profesor Avelino nunha arroutada de lucidez e libre exercicio da vella tradición galaica da retranca escribiu e cantou esta moderna regueifa (chamada agora polos nosos irmáns afroamericanos: rap) A estrea mundial coincidiu co entroido, moi apropiado, e o lugar foi o auditorio Martín Codax do Ies Beade entre o seguimento colectivo do seu ritmo con palmas e movementos acompasados de queixo.

Creo que non temos soporte gráfico do intenso momento aínda que desde a redacción da Televisión do Ies Beade indagaremos entre o público asistente para sabermos se alguén retratou para a posteridade tan histórico momento.  Por agora deixámosvos unha gravación clandestina do grandísimo éxito.

 

Read Full Post »

Tivemos a inmensa sorte de poder contar con Mini e Mero para facermos inesquecíbel a despedida de 2º de Bacharelato 2010-11. Mini e Mero levan creando cancións desde cando formaban parte dos míticos Fuxan os Ventos. Hoxe seguen comprometidos coa música, palabra e sociedade en A Quenlla. A súa influencia e exemplo é rotunda pero non só na música. Recolleron durante anos xoias do noso folclore musical e doutros moitos aspectos da nosa etnografía.

A súa colaboración foi fundamental para a elaboración do até agora maior e mellor estudo musicolóxico sobre a nosa tradición musical escrito por Dorothe Schubart. Xenerosos sempre, ademais de ceder a esta eminencia mundial todo o que eles aprenderan doaron todas as súas gravacións ao Museo do Pobo Galego para que investigadores de todo o mundo teñan ao seu dispor o noso patrimonio salvado de morrer cos seus autores anónimos.

O tema escollido ten unha triste introdución. Mini explica que cando esta canción foi composta todas antes de ser gravadas tiñan que someterse á censura para conseguiren o visto e prace das autoridades franquistas. Había cousas que non podían ser incluídas nunha canción.

Read Full Post »

Luís Caruncho e Pinto d’Herbón, sen discusión, dous dos mellores improvisadores na regueifa, viñeron até o noso Instituto para lle dar ao noso alumnado as claves necesarias para construíren versos octosílabos con rima asoante nos pares. Tras unha primeira clase de dúas horas os participantes foron os primeiros asombrados ao escoitárense improvisando con soltura e inxenio. Eles, os profesores, están afeitos a descubrir esta habilidade en moitos alumnos ao longo de todo o País. Deixámosvos unha mostra desta primeira sesión do curso onde Luís Caruncho explica cantando a diversidade de improvisadores en verso no Estado Español.

 

Read Full Post »

Un ano máis, e xa van dous ou tres, os profesores da Escola de Música Tradicional de Vigo ofrecéronnos nun concerto didáctico a posibilidade non só de coñecer os principais instrumentos da nosa música tradicional senón que ademais uns cantos alumnos privilexiados puideron tocalos e facer música cos profesores. Algúns dos profesores son:

  • Rodrigo Romaní, actual director da E-Trad e profesor de harpa céltica. Membro histórico de Milladoiro hoxe dirixe Sondeseu, despois dunha breve carreira en solitario hoxe colabora con Lizgairo e produce a outros músicos.
  • Anxo Pintos, profesor na E-Trad de zanfona. Multi-instrumentista fundador de Mattocongrio xunto a Carlos Núñez e hoxe membro de Berrogüetto, un dos nosos grupos musiciais máis internacionais.
  • Xaquín Xesteira (Xocas), profesor na E-Trad de gaita e gaiteiro de Treixadura.
  • Alfonso Franco, profesor na E-Trad de violín e responsábel das cordas na Orquestra Sondeseu. Tocou para Milladoiro, Emilio Cao e Lizgairo entre outros.
  • Carlos Quintá, profesor na E-trad de acordeón diatónico e músico da murga Linho do Cuco.

Un orgullo e un inmenso pracer.

Read Full Post »

Subimos unha das pezas máis emotivas do concerto, a titulada: lonxe da terriña de Xoán Montes. Este compositor galego do século XIX é autor de obras tan celebradas como: Alborada galega e a música do poema rosaliano Negra Sombra. Anxo Pintos deleitounos con esta melodía e outras coa intención de ilustrar as etapas en que a zanfona foi instrumento de prestixio desde a Idade Media até a actualidade. O noso invitado é un dos fundadores de Berrogüetto, un dos grupos galegos de maior proxección e recoñecemento internacional e forma parte do trío Lizgairo. Compaxina a súa carreira artística coa docente porque cando non está compoñendo ou tocando dá clases de zanfona na E-Trad (Escola de Música Tradicional dentro da Escola de Artes e Oficios de Vigo)

Read Full Post »

O Obradoiro de video do Ies Beade ofrécevos unha pequena mostra do que foi o encontro entre os futuros regueifeiros da bisbarra de Vigo. Logo de recibiren clases de Luís Caruncho e Pinto de Herbón algúns alumnos de distintos institutos de Vigo (o noso foi un deles) foron invitados a regueifar. Unha actividade organizada polo Servizo de Normalización Lingüísica do Concello de Vigo. Os organizadores ficaron sorprendidos da habilidade coa que moitos dos rapaces e rapazas improvisaban as súas coplas rimadas en galego. Houbo risas e moito orgullo entre o patio de butacas ao veren os representantes da cada instituto regueifar con moita soltura. Longa vida á Regueifa.

Read Full Post »

« Newer Posts