Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘lingua galega’ Category

Este ano facemos o noso 25º aniversario. Non como TV. Daquela non tiñamos ao noso dispor a tecnoloxía que fai posíbel con moi pouco diñeiro e moitas ganas compartirmos a nosa actividade e creatividade. O aniversario cúmpreo o Instituto e durante este curso intentaremos celebralo do mellor xeito: esforzándonos aínda máis en mellorar a calidade do ensino e aumentando aínda máis en número as actividades que reforzan esa aprendizaxe.  Seguiremos fieis, manterémonos leais e apoiaremos sempre os principios do ensino público: calidade, pluralidade e liberdade universal e gratuíta. Proba desta calidade e gratuídade é que compartiremos todo canto logremos facer. As ambicións son moitas, veremos en que se concretan. Por agora velaquí tedes unha entrevista con Anxo Fariña, escritor e ilustrador. Con el falamos da literatura xuvenil, da calidade dos ilustradores e escritores galegos, cales son ao seu xuízo os beneficios de incluír a plástica na Educación Básica e tamén das consecuencias da crise económica en todos os eidos da Cultura e da súa industria.

Tivemos ademais a sorte de que para celebrar o noso aniversario Anxo Fariña escollese o noso instituto para facer a presentación da súa última novela: os Megatoxos e os Templarios da luz

Read Full Post »

Tivemos a oportunidade de escoitar unha interesantísima charla impartida por representantes da Plataforma para salvar a Serra do Galiñeiro. Conscientes da escasa repercusión que a defensa do noso patrimonio ten nos medios de comunicación habituais decidimos gravar a charla e compartila desde esta modesta canle de expresión. Somos conscientes tamén da sempre difícil harmonización entre o progreso socio-económico e a conservación do noso medio ambiente. Os nosos invitados denunciaron a intención de abrir unha mina a ceo aberto nun lugar entre a Universidade de Vigo e o Monte Aloia para a extracción de minerais chamados eufemisticamente “raros”. Desde aquí non valoraremos cousas como qué gañamos e qué perdemos se consentimos a súa instalación; non reflexionaremos sobre quen obterá beneficio en todo isto; tampouco sopesaremos se é intelixente destruír un riquísimo patrimonio e un significativo número de empregos sostíbeis a cambio de permitir que un grupo de accionistas privados se adonen do que é de todos levando esa riqueza, agora aínda nosa, fóra de aquí. Son tempos moi difíciles para dicirmos non á oferta de crear postos de traballo; ese é desgraciadamente o mellor argumento que empresas coma estas teñen hoxe para conseguir o consentimento da sociedade. Os países ricos non queren as empresas contaminantes dentro das súas fronteiras pero as súas industrias necesitan esas materias primas que conseguen alí onde a sensibilidade e resistencia social é menor.

Deixamos ao noso intelixente público a derradeira decisión. Velaí vai a charla na súa integridade e unha entrevista posterior mantida co equipo de edición de vídeo IesBeade. Por un problema técnico a entrevista en vídeo non está completa pero si o audio, por iso subimos tamén o arquivo sonoro porque xulgamos que a información aportada é moi relevante.

Incluímos o power point para seguir a charla con maior información.

minaría terras raras no Galiñeiro

Agora poñemos a entrevista. É moi longa e a súa maior parte está incluída no vídeo anterior. Só son relevantes os primeiros 5 ou dez minutos que non aparecen no anterior.

Read Full Post »

Quizais nunca resolvamos o misterio da orixe da linguaxe e xamais saberemos explicar como xurdiu algo tan extraordinario. Non somos os únicos animais que nos comunicamos a través da linguaxe pero si quen o facemos do xeito máis complexo e con maiores implicacións. Se callar nunca chegaremos a reconstruír o camiño seguido desde o inicio da(s) primeira(s) linguaxe(s) até as aproximadamente 6000 existentes cos súas incalculábeis variantes dialectais mais a cada pouco xorden fascinantes teorías sobre o seu nacemento, evolución e función. A linguaxe en unión das mans fixeron do cerebro a esencia da natureza humana. Co cerebro e as mans construímos a cultura e coa linguaxe espallámola. Nesta brillante exposición Mark Pagel comparte as súas reflexións sobre cómo as linguas fixeron dos animais humanos persoas. Paga a pena dedicar case 20 minutos do teu tempo. Ao final valorarás moito máis o misterio da linguaxe.

Read Full Post »

Atrevémonos con todo. O profesor Avelino nunha arroutada de lucidez e libre exercicio da vella tradición galaica da retranca escribiu e cantou esta moderna regueifa (chamada agora polos nosos irmáns afroamericanos: rap) A estrea mundial coincidiu co entroido, moi apropiado, e o lugar foi o auditorio Martín Codax do Ies Beade entre o seguimento colectivo do seu ritmo con palmas e movementos acompasados de queixo.

Creo que non temos soporte gráfico do intenso momento aínda que desde a redacción da Televisión do Ies Beade indagaremos entre o público asistente para sabermos se alguén retratou para a posteridade tan histórico momento.  Por agora deixámosvos unha gravación clandestina do grandísimo éxito.

 

Read Full Post »

“We believe passionately in the power of ideas to change attitudes, lives and ultimately, the world. So we’re building here a clearinghouse that offers free knowledge and inspiration from the world’s most inspired thinkers, and also a community of curious souls to engage with ideas and each other”.

[Cremos con paixón en que o poder das ideas poden cambiar actitudes, vidas e recentemente, o mundo. Por iso estamos construíndo un lugar de intercambio que ofrece libre coñecemento e a inspiración dos pensadores máis lúcidos do mundo e ademais unha comunidade de almas curiosas que se involucren coas ideas e entre eles].

Estas son as ideas sobre as que naceu en internet http://www.ted. com outro proxecto esperanzador como a wikipedia, cursos gratuítos impartidos desde a Universidade de Yale , unha academia para as túas clases particulares, etc que apostan decididamente por facer do intercambio desinteresado e voluntario do coñecemento  o xeito máis eficaz de medrar como persoas libres e independentes. A ilustración serviuse do enciclopedismo para que sobre o coñecemento nacese unha sociedade de homes e mulleres libres. Ted.com é unha fiestra aberta á mente dos pensadores, científicos e artistas máis influíntes do mundo.

Esta é a primeira tradución que fai o equipo de normalización lingüística do Ies Beade. Subtitulamos a conferencia que o ex-vicepresidente dos EUA deu pouco antes de presentar a súa película An inconvenient truth. Mais tranquilo meu que virán moitas máis. Se queres unirte ponte en contacto connosco e dirémosche como podes axudar. A wikipedia galega xa chegou ás 80.000 entradas. A comunidade galega de ted.com vai medrando pouco a pouco.

Read Full Post »

Con estes anuncios de televisión quixen explicar ao meu alumnado doutro xeito, non sei se con éxito,  os conceptos máis básicos para entendermos a construción dun texto e a súa interpretación. Nada mellor, pensei, que algúns exemplos da publicidade máis  intelixente.  Teño que engadir que están feitos hai moitos anos. A calidade de imaxe é insuficiente porque están capturados da tele a través dunha tarxeta dixitalizadora pioneira. O son é aínda peor porque o presuposto todo foi para aquela gloriosa Matrox Marvell G-450 e TV que por certo aínda funciona. O micro era de xoguete, agora o Obradoiro de Edición de Vídeo do Ies Beade traballamos cun Edirol R-09HR para quen poida estar interesado e a cousa cambiou moito. O certo é que despois de velos unha vez máis creo que paga a pena compartilos. Recoñezo que teñen un problema: os anuncios están en castelán. Sería ideal que houbese deles unha versión en galego pero non é así. Os meus comentarios están en galego pero como xa pasaron algúns anos os textos non respectan a nova normativa. En fin que desde a sociolingüística tamén dan xogo. Vounos dispor pola orde en que creo que son máis aproveitábeis para as clases. Os primeiros serven para explicar cuestións moi básicas: introdución, desenvolvemento e conclusión; noutros explórase a importancia da música, as cores, a velocidade das imaxes, etc e no titulado dónuts hai unha reflexión sobre a responsabilidade de manter unha ética xa que a linguaxe publicitaria é extremadamente efectiva.

Desexo que vos sexan útiles e non esquezades en deixar un comentario se queredes aportar unha crítica construtiva.

Read Full Post »

Luís Caruncho e Pinto d’Herbón, sen discusión, dous dos mellores improvisadores na regueifa, viñeron até o noso Instituto para lle dar ao noso alumnado as claves necesarias para construíren versos octosílabos con rima asoante nos pares. Tras unha primeira clase de dúas horas os participantes foron os primeiros asombrados ao escoitárense improvisando con soltura e inxenio. Eles, os profesores, están afeitos a descubrir esta habilidade en moitos alumnos ao longo de todo o País. Deixámosvos unha mostra desta primeira sesión do curso onde Luís Caruncho explica cantando a diversidade de improvisadores en verso no Estado Español.

 

Read Full Post »

O grupo do Instituto de Beade  que traballa na edición de audio acaba de presentar unha nova versión en galego para navegar co Tom tom. Até agora existía unha pero xa non está compartida na páxina oficial do famoso frabricante.  Como nos atravemos con todo decidimos probar e tivemos éxito. Irene Luaces prestounos a súa voz e os demais fixemos o necesario coas máquinas para que agora os galegos poidamos entendernos co Tom tom.

Buscade proxecto tom tom na seguinte ligazón que é a páxina web do noso instituto. Alí atoparedes os arquivos e as instrucións para a súa correcta instalación.

http://centros.edu.xunta.es/iesbeade/

 

Read Full Post »

Trala morte de Francisco Fernández del Riego parécenos oportuno para que se coñeza a dimensión deste gran home subir unha entrevista emitida días despois do seu pasamento. Unha home cunha vida tan longa e intensa ten unha biografía difícil de abranguer nestas poucas liñas. O seu compromiso con Galicia comeza coa súa participación no Seminario de Estudos Galegos colaborando entre outros proxectos na redacción do Primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia e desde a súa militancia no Partido Galeguista traballa na propaganda a prol do Referendo de Autonomía. Coñece os homes da Xeración Nós. Xunto a Ramón Piñeiro, Xaime Illa Couto e outros galeguistas funda a Editorial Galaxia (1950) e durante moitos anos será o máximo responsábel da Revista Grial (1963). Desde 1960 foi membro da Real Academia da Lingua da que será o seu director a partir da década dos noventa.  Os seus últimos anos de actividade intelectual dedicounos a convertir a Biblioteca Penzol de Vigo na mellor sobre Galicia. Traballador incansábel, home discreto e leal aos seus principios será sempre un exemplo de humanismo galeguista.

Saúde e Terra Don Paco.

Read Full Post »

A finais de outubro Anxo Moure estivo no noso Instituto ofrecéndonos unha escolma de contos solidarios. Contou historias protagonizadas por rapaces onde non hai paz e si fame. El leva adiante Bicis pola Paz, unha ongd que nace en Chantada (Galiza) no ano 1990. O obxectivo de Bicis pola Paz é fomentar o eco-transporte nos proxectos de desenvolvemento, Bicis pola Paz doa bicicletas a mestres, médicos, promotores de saúde, veterinarios…. en máis de vinte paises de América Latina, Asía e África, así como a inmigrantes no estado español. Grazas a unha bici un médico pode chegar a tempo a un parto para salvar a vida dunha persoa, un mestre pode atender máis escolas ou un inmigrante atopar e desprazarse a un traballo digno. Bicis pola Paz doa as bicicletas en base a demanda das comunidades locais e en colaboración con elas, adquirindo as bicis nos mesmos lugares de desenvolvemento dos proxectos co fin de fortalecer o tecido comercial local. Bicis pola Paz financia estas doazóns cos fondos recadados polo proxecto “Contos Solidarios” así coma cos fondos económicos aportados por colaboradores, institucións, fundacións…

www.contosolidarios.org

Read Full Post »

« Newer Posts - Older Posts »