Feeds:
Artigos
Comentarios

Archive for the ‘inicio’ Category

Este é un corte do concerto que Sonia Lebedynski deu no Ies de Beade de Vigo para celebrarmos o noso 25º aniversario e a despedida dunha promoción de 2º de Bacharelato moi especial. Podemos ver a Sonia interpretando unha versión da famosa canción composta por Emilio Batallán sobre letra de Curros Enríquez e que leva por título A Rosalía. Coa guitarra acompáñaa Gabriel Ribeiro, profesor de guitarra na Escola de Música de Boiro e integrante da banda SuperSandwich.

Sonia Lebedynski tivo o seu primeiro contacto coa música aos sete anos cando inicia os seus estudios musicais de canto. No ámbito artístico desenvólvese dende os seus comezos na música Folk, tendo algún contacto tamén con outras músicas como o funky ou clásica. Ten colaborado en numerosos proxectos como Son Delas, Ball Cans, Sete Saias, Asociación Cultural Barbantía, Conservatorio Tradicional e Folque de Lalín e grabado para diversos discos como Fia na Roca, Susana Seivane, Camaxe, Seare, Asociación Galega de Gaiteiros Galegos (Pelogato24), Brañas Folk ou o último disco do pianista Enrique Paisal (Los Tamara) onde colabora en dous temas… Participou no filme do grupo canadiense “La Bottine Souriante” sobre a súa xira europea con motivo do seu 25 aniversario para o cal interpreta a dúo un tema co cantante solista da “Bottine” Yves Lambert. Formaba parte do grupo Fia na Roca co que grabou tres discos. Agora está a preparar a súa obra en solitario. No ámbito docente actualmente é Mestra en Educación Musical e pedagoga, imparte clases de música na ensinanza primaria, e Música para adultos na Escola de Música Municipal de Boiro. Ademáis imparte cursos de canto por diversos puntos da xeografía galega.

Advertisement

Read Full Post »

Co gallo do noso 25º aniversario logramos contactar con Sonia Lebedynski para que celebrase connosco a despedida dunha promoción especial. Este ano despedimos unha xeración de alumnado máis despois de vintecinco anos. A ocasión merecía contar coa colaboración dunha artista de calidade e proxección internacional e non desaproveitamos a oportunidade para facer a Sonia unha entrevista porque somos moitos os seguidores de Fía na Roca e poucas as oportunidades de sabermos polos seus intregrantes das peripecias do grupo. Moi amabelmente Sonia respondeu a algunhas preguntas. Seguro que para moitos insuficientes mais estou seguro xa haberá outras ocasións en que poidamos falar con ela un pouquiño máis. Non renunciamos a que nos devolva a visita porque nos soubo moi a pouco. Se queredes saber do que falamos aquí tedes un anaco do concerto que nos regalou. Inmenso.

Read Full Post »

Durante unha clase de Tecnoloxía un grupo de alumnas: Sofía Abalo, Tamara Alfaya, Carla Alonso e Patricia Leirós puxeron en práctica os coñecementos aprendidos. O proxecto consiste en iluminar unha pequena maqueta coa axuda dun panel solar. É costume que non aparezan as caras do noso alumnado nas reportaxes. Pode resultar raro mais preferímolo así. Parabéns.

Read Full Post »

Co gallo do 25º aniversario levamos xa un tempo invitando a ex-alumnos para que nos conten a súa experiencia vital e profesional. Aproveitamos a visita de Aíd (para nós Aida Alonso) para lle facer unha entrevista. Dela podes saber moito máis visitando a súa web oficial. Nela atoparás a súa biografía, discografía e unha escolma de vídeos. Varias aulas de 4º da ESO participaron nun obradoiro de Rap e Hip Hop impartido por Aíd.
A entrevista foi gravada durante un recreo e cremos que resulta moi evidente. Pedimos desculpas polo desagradábel ruído de fondo.

 

Read Full Post »

Revisamos a primeira tradución desta charla en Ted. Poucas palabras podemos engadir a unhas imaxes espectaculares sobre o crecemento do feto.

Se queres ver máis charlas no noso idioma en Ted tes máis abaixo un pase VIP:

http://www.ted.com/talks/browse?language=gl

Read Full Post »

Ledicia Costas, escritora e antiga alumna do Ies Beade, logo de responder as preguntas dos seus lectores gravou para a nosa tele unha breve entrevista onde fala da recepción da súa obra, da literatura xuvenil, a súa tradución desde o galego e o seu éxito comercial. Grazas desde aquí a Gálix (Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil) pola súa colaboración e a facer posíbel as visitas de Ledicia Costas e Anxo Fariña.

Read Full Post »

Este ano facemos o noso 25º aniversario. Non como TV. Daquela non tiñamos ao noso dispor a tecnoloxía que fai posíbel con moi pouco diñeiro e moitas ganas compartirmos a nosa actividade e creatividade. O aniversario cúmpreo o Instituto e durante este curso intentaremos celebralo do mellor xeito: esforzándonos aínda máis en mellorar a calidade do ensino e aumentando aínda máis en número as actividades que reforzan esa aprendizaxe.  Seguiremos fieis, manterémonos leais e apoiaremos sempre os principios do ensino público: calidade, pluralidade e liberdade universal e gratuíta. Proba desta calidade e gratuídade é que compartiremos todo canto logremos facer. As ambicións son moitas, veremos en que se concretan. Por agora velaquí tedes unha entrevista con Anxo Fariña, escritor e ilustrador. Con el falamos da literatura xuvenil, da calidade dos ilustradores e escritores galegos, cales son ao seu xuízo os beneficios de incluír a plástica na Educación Básica e tamén das consecuencias da crise económica en todos os eidos da Cultura e da súa industria.

Tivemos ademais a sorte de que para celebrar o noso aniversario Anxo Fariña escollese o noso instituto para facer a presentación da súa última novela: os Megatoxos e os Templarios da luz

Read Full Post »

Velaquí a nosa máis recente contribución á normalización do idioma a través da nosa participación como tradutores dunha das webs máis valiosas da internet (www.ted.com). Desta vez somos os responsábeis da segunda tradución. Así de estrita é a política dos creadores deta prezada plataforma para compartirmos o coñecemento. Aínda así acabo de descubrir un pequeno erro. Seguiremos mellorando. Por agora velaquí as últimas teorías sobre a evolución e funcionamento do cerebro humano durante a nenez.

Read Full Post »

Outro ano máis tivemos a honra de recibir a un dos músicos vigueses máis internacionais. Foi cofundador de Mattocongrio e é membro dos hoxe Berrogüetto, compositor, arranxador de temas tradicionais e multiinstrumentista. Velaquí tedes unha mostra dos temas que interpretou. Un, o último, por expreso desexo do autor non o incluímos e adiviñamos que a razón pode ser que pense incluído nun próximo disco. A verdade é que o tema o merece. Sentímolo moito pero só somos uns poucos, por agora, os que gozamos del.

Un saúdo. Longa vida á música galega porque mentras ela viva temos algo do que nos sentir plenamente orgullosos.

Read Full Post »

Tivemos a oportunidade de escoitar unha interesantísima charla impartida por representantes da Plataforma para salvar a Serra do Galiñeiro. Conscientes da escasa repercusión que a defensa do noso patrimonio ten nos medios de comunicación habituais decidimos gravar a charla e compartila desde esta modesta canle de expresión. Somos conscientes tamén da sempre difícil harmonización entre o progreso socio-económico e a conservación do noso medio ambiente. Os nosos invitados denunciaron a intención de abrir unha mina a ceo aberto nun lugar entre a Universidade de Vigo e o Monte Aloia para a extracción de minerais chamados eufemisticamente “raros”. Desde aquí non valoraremos cousas como qué gañamos e qué perdemos se consentimos a súa instalación; non reflexionaremos sobre quen obterá beneficio en todo isto; tampouco sopesaremos se é intelixente destruír un riquísimo patrimonio e un significativo número de empregos sostíbeis a cambio de permitir que un grupo de accionistas privados se adonen do que é de todos levando esa riqueza, agora aínda nosa, fóra de aquí. Son tempos moi difíciles para dicirmos non á oferta de crear postos de traballo; ese é desgraciadamente o mellor argumento que empresas coma estas teñen hoxe para conseguir o consentimento da sociedade. Os países ricos non queren as empresas contaminantes dentro das súas fronteiras pero as súas industrias necesitan esas materias primas que conseguen alí onde a sensibilidade e resistencia social é menor.

Deixamos ao noso intelixente público a derradeira decisión. Velaí vai a charla na súa integridade e unha entrevista posterior mantida co equipo de edición de vídeo IesBeade. Por un problema técnico a entrevista en vídeo non está completa pero si o audio, por iso subimos tamén o arquivo sonoro porque xulgamos que a información aportada é moi relevante.

Incluímos o power point para seguir a charla con maior información.

minaría terras raras no Galiñeiro

Agora poñemos a entrevista. É moi longa e a súa maior parte está incluída no vídeo anterior. Só son relevantes os primeiros 5 ou dez minutos que non aparecen no anterior.

Read Full Post »

« Newer Posts - Older Posts »